domingo, 27 de novembro de 2011

Cronotopo

O son reverbera nas fochancas.

Son eu levantando pingas

ao correr desabotoada.

Vou na procura do fogar que nunca tiven,

do amor que xamais recibín.


Os corredores bifúrcanse, xeminean sen fin.

Atraída por unha calor que me enche

por enteiro os pulmóns, sigo até

as últimas consecuencias.


Só sen covardía serei quen de colmar

a miña apetencia.

Trágame o gris metálico das paredes.

Voráxine de cordas que penduran

en camastros cubertos de barolo.


Nada de ventás, só corredores.

Escoito o meu corazón bombear

canto máis corro.

Portas dobres co aire verdoso

e quirúrxico da enfermidade total.


Estoume adentrando no pavor,

mais non paro.

Señorita, veña comigo,

atenderémola ben”.


Ton falsamente doce.

Nunca terei amor.

Sem comentários:

Enviar um comentário