domingo, 28 de outubro de 2012

Tampere

Rexeitei apelidos de nais e pais que nunca tiven
e atopei un nun norte que xamais vin.

Santiago agora é Kompostela
e en todos os recunchos das pedras
revélanseme violacións interseculares.
Protagonízoas todas EU con expresión de orgullo.

Puxen a katedral a catro patas para min
e profanei todos os santos milenarios.

O anaco de xeo finés derrétese no meu peto
e molla mallas, botas, chans e follas
con horarios de aulas desprestixiadas
que aborrecen almas vestidas de máis.

De súpeto, o suburbio devén fogar e atopo calor
na abxección deste Bronx galego,
os edificios rachados e as pintadas chuventas,
bares de vellos onde só se fala de fútbol
e das fillas das veciñas,
onde hai 0.3 crianzas por bloque
e algún can que me asusta a gata.

Teño o verdegrís da depresión
espreitando pola xanela
e combátoa con rituais hepáticos.

Sem comentários:

Enviar um comentário